AS LENDAS GALEGAS CONTADAS COA NOSA VOZ
O alumnado de 4.º de Educación Primaria deu voz ás lendas da nosa mitoloxía coa gravación do relato O noso Samaín, unha creación colectiva que naceu da pescuda sobre os seres míticos galegos, no marco do PDI de Bibliocovas “Pescuda Covasmola”.
Para crear a historia, o alumnado investigou utilizando libros da biblioteca escolar, como o Dicionario dos seres míticos galegos, de Edicións Xerais, e O noso Samaín, de Editorial Galaxia, así como os recursos dixitais de Portal das Palabras e As chaves da lingua. Estas fontes permitiron coñecer mellor as lendas e os seres fantásticos da nosa cultura e inspiraron a creación do relato.
Esta experiencia, vinculada ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega e ao programa «21 días co galego +», pon o foco na oralidade como ferramenta fundamental para aprender, comunicarse e gozar da lingua. A través da lectura en voz alta e da gravación para RadioCovas, o alumnado traballou a pronuncia, a entoación, o ritmo lector, a expresión e a confianza á hora de falar en galego.
O relato, creado de maneira colaborativa por toda a clase, permitiulles sentirse protagonistas dunha historia propia e compartir a súa creatividade coa comunidade educativa.
Unha maneira de comprobar que a tradición oral segue viva cando as novas xeracións a fan súa e a transmiten coas súas propias voces.
Porque as lendas tamén se len, se escoitan e se contan en galego!


